Como facía o vello xornal, este blogue de opinión trata de asomar a información de Ordes desde un punto de vista politicamente imparcial.

sexta-feira, 16 de janeiro de 2009

O BNG de Ordes denuncia que o goberno ordense o deixe fóra do plan inversor.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou onte que «o goberno municipal de Manuel Regos non atendeu a solicitude dun pleno extraordinario para debater os proxectos a incluír no plan de investimento local, que contempla para Ordes 2,2 millóns de euros», segundo Ramiro. Isto «revela o desinterese deste goberno por impulsar medidas fronte á crise»
O grupo nacionalista manexa tres propostas básicas:

A creación do consensuado Local Social, cuxa non inclusión no plan supón, segundo Ramiro, un retraso na construcción dun edificio que albergaría, nunha das súas plantas, o local de ensaio demandado reiteradamente polo BNG e algún grupo musical xuvenil afín a este partido (que xa fixeran protestas "pacíficas" nalgunha sesión plenaria levados da man por dito partido). Engade o edil nacionalista que, pese a que o seu grupo valorará positivamente se se produce o apoio da Consellería de Cultura a financiar este proxecto, dita vía de financiamento atrasa a construción da obra, mentres que, de incluírse no plan de Zapatero para os concellos, a súa edificación sería inmediata, a través dos fondos económicos estatais.

A reforma e modernización da praza de abastos (que na actualidade din eles que está prácticamente desocupada) serviría de base para desenvolver un plan de dinamización que facilite a implantación nos postos dos productores locais do sector primario da comarca, o que contribuiría a reforzar a comercialización dos produtos dun sector de gran importancia para Ordes. (todo isto segundo o BNG).

Por último a terceira gran proposta nacionalista baséase na creación dun vivero de empresas co fin de favorecer o autoemprego e o inicio da actividade de mozos/as emprendedores/as, permitindo a ubicación no mesmo de empresas nos seus primeiros anos no mercado. Non só se trataría de aportar un espazo físico senón tamén formación, asesoramento e prestación de servizos, o que incrementaría as expectativas de supervivencia ó aforrarlles custos importantes de inicio e posta en marcha das empresas.

Pola súa banda, o alcalde, Manuel Regos, manterá hoxe ás 10 da mañá un encontro cos responsables da Consellería de Cultura para presentarlles precisamente o proxecto do edificio de uso social e cultural e solicitar o financiamento por parte do departamento que dirixe a nacionalista Ánxela Bugallo. O edificio ubicaríase na parcela antes asignada ó cuartel.


Que vos parece a non inclusión do bloque no plan inversor?
Que vos parecen as propostas do BNG ordense? Son realmente necesarias? Proporías outros investimentos diferentes?
Credes que a reunión de Regos con Bugallo sairá ben para os intereses ordenses?

Coma sempre esperamos a vosa opinión.


quinta-feira, 15 de janeiro de 2009

Regos fará campaña co PSOE en Ordes por "agradecemento a Touriño".

De todos é sabido a boa relación de Manuel Regos co PSOE, algo que levou a que se acrecentase a rumoroloxía sobre unha futura afiliación a dito partido. Pois ben, parece ser que ese momento está a piques de chegar, pois o alcalde ordense deu un pasiño máis ó admitir que pese a non pertencer oficialmente a ningunha das listas que optan a presidir a Xunta, fará campaña para o PSOE, "porque de ben nados é ser agradecidos" e "como alcalde de Ordes teño que estar agradecido ó Goberno do presidente Touriño pola súa atención ás peticións que se lle realizaron desde este Concello, ó que atendeu sempre". Parece que se confirma o que adiantabamos fai tempo e que esta camaleónica persoa que temos por alcalde (camaleónico porque se adapta e cambia de cor cando lle convén), pasará de PP a PSOE coma quen cambia de camisa. Sabemos que ós socialistas de corazón non lles sentará ben o pase de Regos ó partido, pero... e ós socialistas por interese coma el?

Algún preguntaríase que diría/faría Pablo Iglesias se levantase a cabeza...

quarta-feira, 14 de janeiro de 2009

Convocada a segunda edición do Certame de Novos Intérpretes.

Trala desaparición do antigo (e bastante recoñecido a nivel Galiza) Festival da Canción de Ordes, a vila trata de volver a recuper o oco que deixou convocando a segunda edición do Certame de Novos Intérpretes.
Segundo o concelleiro José Luis Gómez, promotor desta segunda edición, o obxectivo é "darlle unha oportunidade aos novos intérpretes e promocionar a música galega".
O certame está dividido en cinco categorías, nas que que se repartirán 5.100 euros en premios tralas correspsondientes eliminatorias previas e a final, cuxas datas concretas se decidirán en Febreiro.

Os premios repartiranse da seguinte maneira:

Xóvenes Intérpretes.


  • 3º PREMIO: 150€

  • 2º PREMIO: 300,00 €.

  • 1º PREMIO: 500,00 €.


Intérpretes Noveles:


  • 3º PREMIO: 200,00 €.

  • 2º PREMIO: 400,00 €.

  • 1º PREMIO: 600,00 €.


Intérpretes Profesionais:


  • 3º PREMIO: 300,00 €.

  • 2º PREMIO: 500,00 €.

  • 1º PREMIO: 800,00 €.


Interpretación galega:


Coa creación desta categoría non se pretende fomentar a competición entre os concursantes, senón a promoción do idioma galego, por este motivo créanse tres premios especiais por importe de 300 euros. O xurado valorará os criterios que considere máis axeitados para a concesión de cada premio. En cada un dos premios, o xurado explicará de xeito resumido os criterios valorados na adxudicación do premio.


O resto das bases e demais información está na páxina do concello.


Que vos parece a convocatoria desta segunda edición do certame?
Colabora a mellorar a "cultura" ordense?
É realmente unha oportunidade para os novos intérpretes e a promoción da música galega?
Son xustos os premios?

Coma sempre agardamos a vosa opinión.

Circuito deportivo-cultural primeiro trimestre 2009


Desde o día 7 de Xaneiro atópase aberto o prazo de inscrición para as actividades deportivas e culturais propostas polo Concello de Ordes para os primeiros meses do ano 2009.
Toda a información está no cartel, pero desde o concello dinnos que é importante que a xente se apunte, pois é necesario un mínimo de xente para que as actividades se desenrolen.
Desde O Terrunho esperamos que a xente de Ordes aproveite as oportunidades que se lle dan e se inscriba o máximo número de persoas posibles.

terça-feira, 13 de janeiro de 2009

Voltamos!!!

O primeiro de todo é pedirvos desculpas por todos estes meses sen actualizar, pero a falta de tempo, de motivación, etc. foron os motivos que nos levaron a deixar a un lado o blogue. Pero visto que en Ordes escasean os medios que favorezan un debate entre os cidadáns, e vistos os numerosos lectores que levan pedindo o noso regreso desde hai tempo, non nos quedou máis remedio que voltar, con enerxías renovadas e con máis ganas que nunca de darvos un lugar no que conversar, debatir a actualidade ordense e, en definitiva, "amañar o país".

Gustaríanos pedirvos a vosa colaboración coma sempre, xa que O Terrunho non deixa de ser máis ca un sitio "interactivo" no que sodes vós, os lectores, os que tedes o protagonismo coas vosas opinións. Neste sitio nunca houbo censura de ningún tipo e, por suposto, non a haberá. Pero ademais de pedirvos a participación no chat e facendo comentarios ás novas, pedimosvos que nos mandedes calquera suxestión, queixa, ... o que queirades. Por exemplo: se a pista que vai á vosa casa está chea de fochancos e na corporación non fan nada por amañalo, enviádenos as fotos e nós poñeremolas aquí sen problema, para que todo o mundo se entere. Quen dí isto, dí calquera outra queixa que teñades. Fotos, vídeos, comentarios, etc. Todo será ben recibido e publicado no blogue. Por iso poñemos á vosa disposición o correo electrónico Oterrunho@gmail.com

Pronto comezaremos coa publicación das novas máis actuais.
 

© New Blogger Templates | Webtalks