Como facía o vello xornal, este blogue de opinión trata de asomar a información de Ordes desde un punto de vista politicamente imparcial.

sexta-feira, 28 de maio de 2010

Comunicado oficial da dirección de O Terrunho.

Ante a incipiente proliferación de bitácoras informativas sobre a actualidade local, decidimos volver a publicar entradas, non sen antes amosar o noso asombro por esta crecente moda. Énchenos de satisfacción saber que fomos os primeiros en converternos nun medio de contrainformación local que sentou cátedra, pero tamén nos da moita pena que se empecen a utilizar os blogues como "armas" en cruzadas persoais sen sentido coma a do amigo Varuspolus ou a do "subcomandante" Marcos. Desde O Terrunho sempre propuxemos a participación da xente, sen ter en conta ideoloxías e pensamentos. Creo que o fixemos bastante ben o tempo que estivemos activos, dada a grande cantidade de visitas e comentarios aqui publicados. Esta experiencia axúdanos a poder falar de cada un dos blogues que tratan a actualidade ordense e poder analizar os erros que cometen, vamos un por un, sen ánimo de crear polémica, solamente tratando de mellorar o nivel informativo local.

comandantevaruspolus: Non hai moito que dicir sobre o blogue desta persoa. Máis que un blogue informativo trátase dun blogue no que o tipiño este amosa a súa opinión sobre diversos temas da actualidade local. Non sei se se creerá moi listo ou algo así... Pero podemos asegurarlle, señor Varuspolus, que vostede non coñece a verdade universal aínda que o pareza.

marcosdaportela: O blogue local que máis bebe da nosa maneira de facer. Non se trata máis que dunha copia de O Terrunho, pero radicalizada. Ás veces hai que ser máis elegante se se quere chegar máis lonxe.

falemosdeordes: Típico "panfleto" propagandístico da política do goberno. É a revista "Novas de Ordes" pero en versión bitácora. De vergoña o nivel de chupapollismo ó que se chega.

ordessiete: E á hora de falar de chupapollismo, chegamos ós líderes na cuestión. Supostamente son unha sección dirixida por un medio periodístico "serio", con corresponsais, enviados especiais, fotógrafos e todo un gran equipo á súa disposición. Pero non é purpurina todo o que reluce. Tras ler detidamente as novas publicadas, podemos ver que non se trata máis que de outro medio desinformativo que intenta cegar á xente alabando a política do goberno e dandolle palmadiñas na espalda (e donde non é espalda tamén) ás cabezas visibles do corporación municipal. Chega a tal punto o sectarismo que prohiben a opinión dos lectores por medo a que os comentarios sexan moi críticos con eles ou co goberno, algo que aquí no terrunho nunca nos plantexamos. O descontento dos lectores pode verse nas enquisas publicadas, nas que as opcións máis irrisorias son as que gañan en moitas delas, algo que responde ó nome de: Enquisas trolleadas. Todo isto é completamente incompatible con un medio informativo serio formado por profesionais, co cal, non nos queda outra máis que recoñecer que este medio non é, para nada, serio (e senón que observen as páxinas dos medios serios, a ver se prohiben a participación dos lectores).


Ben, esta é a nosa opinión sobre os blogues informativos locais e, visto que aínda hai un burato ben grande que encher, vemos necesario retomar a nosa anterior actividade, da mesma maneira ca na nosa primeira etapa.

Antes de despedirnos, gustaríanos decir que non pretendemos crear unha guerra entre os blogues, hai algúns que xa estan enfrascados na súa propia loita, e outros son demasiado "profesionais" como para guerrear.

Sen máis, un abrazo queridos lectores.

sexta-feira, 16 de janeiro de 2009

O BNG de Ordes denuncia que o goberno ordense o deixe fóra do plan inversor.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou onte que «o goberno municipal de Manuel Regos non atendeu a solicitude dun pleno extraordinario para debater os proxectos a incluír no plan de investimento local, que contempla para Ordes 2,2 millóns de euros», segundo Ramiro. Isto «revela o desinterese deste goberno por impulsar medidas fronte á crise»
O grupo nacionalista manexa tres propostas básicas:

A creación do consensuado Local Social, cuxa non inclusión no plan supón, segundo Ramiro, un retraso na construcción dun edificio que albergaría, nunha das súas plantas, o local de ensaio demandado reiteradamente polo BNG e algún grupo musical xuvenil afín a este partido (que xa fixeran protestas "pacíficas" nalgunha sesión plenaria levados da man por dito partido). Engade o edil nacionalista que, pese a que o seu grupo valorará positivamente se se produce o apoio da Consellería de Cultura a financiar este proxecto, dita vía de financiamento atrasa a construción da obra, mentres que, de incluírse no plan de Zapatero para os concellos, a súa edificación sería inmediata, a través dos fondos económicos estatais.

A reforma e modernización da praza de abastos (que na actualidade din eles que está prácticamente desocupada) serviría de base para desenvolver un plan de dinamización que facilite a implantación nos postos dos productores locais do sector primario da comarca, o que contribuiría a reforzar a comercialización dos produtos dun sector de gran importancia para Ordes. (todo isto segundo o BNG).

Por último a terceira gran proposta nacionalista baséase na creación dun vivero de empresas co fin de favorecer o autoemprego e o inicio da actividade de mozos/as emprendedores/as, permitindo a ubicación no mesmo de empresas nos seus primeiros anos no mercado. Non só se trataría de aportar un espazo físico senón tamén formación, asesoramento e prestación de servizos, o que incrementaría as expectativas de supervivencia ó aforrarlles custos importantes de inicio e posta en marcha das empresas.

Pola súa banda, o alcalde, Manuel Regos, manterá hoxe ás 10 da mañá un encontro cos responsables da Consellería de Cultura para presentarlles precisamente o proxecto do edificio de uso social e cultural e solicitar o financiamento por parte do departamento que dirixe a nacionalista Ánxela Bugallo. O edificio ubicaríase na parcela antes asignada ó cuartel.


Que vos parece a non inclusión do bloque no plan inversor?
Que vos parecen as propostas do BNG ordense? Son realmente necesarias? Proporías outros investimentos diferentes?
Credes que a reunión de Regos con Bugallo sairá ben para os intereses ordenses?

Coma sempre esperamos a vosa opinión.


quinta-feira, 15 de janeiro de 2009

Regos fará campaña co PSOE en Ordes por "agradecemento a Touriño".

De todos é sabido a boa relación de Manuel Regos co PSOE, algo que levou a que se acrecentase a rumoroloxía sobre unha futura afiliación a dito partido. Pois ben, parece ser que ese momento está a piques de chegar, pois o alcalde ordense deu un pasiño máis ó admitir que pese a non pertencer oficialmente a ningunha das listas que optan a presidir a Xunta, fará campaña para o PSOE, "porque de ben nados é ser agradecidos" e "como alcalde de Ordes teño que estar agradecido ó Goberno do presidente Touriño pola súa atención ás peticións que se lle realizaron desde este Concello, ó que atendeu sempre". Parece que se confirma o que adiantabamos fai tempo e que esta camaleónica persoa que temos por alcalde (camaleónico porque se adapta e cambia de cor cando lle convén), pasará de PP a PSOE coma quen cambia de camisa. Sabemos que ós socialistas de corazón non lles sentará ben o pase de Regos ó partido, pero... e ós socialistas por interese coma el?

Algún preguntaríase que diría/faría Pablo Iglesias se levantase a cabeza...
 

© New Blogger Templates | Webtalks