«Se hai traballo en Ordes haberá riqueza para todos»
23/06/2007 | Santiago
Entrevista | Manuel Regos
Despois de vinte anos, o concello do téxtil e do champiñón ten un novo rexedor, que insiste en que gobernará para todos. O primeiro paso é facelo con xeito co PSOE e Terra Galega
Hai quen di que Manuel Regos está feito politicamente a imaxe e semellanza do seu pai político, o ata o de agora incombustible Teodosio Martino. Verdade ou non, o certo é que a imaxe que desprende o despacho da alcaldía ordense con Regos sentado detrás da mesa é ben distinta á que había con Martino, que semellaba invadido de papeis e expedientes. «Quen me coñece -di Regos- sabe que me gusta traballar con poucas cousas enriba da mesa». Regos concede esta entrevista con catro días ás súas costas como alcalde de Ordes.
-Despois dunha longa traxectoria política, tanto no goberno como na oposición, vostede chega á alcaldía. ¿Que é o que marca máis?
-Todo inflúe. Cando gobernas tes un trato máis cercano cos veciños, cos problemas e coas empresas. A xente vén a pedir solucións aos seus problemas e hai que ter palabra para dicirlle á xente cando as cousas se poden facer e cando non. Na oposición dáste conta de que non estás ao alcance de todo. Non tes a posibilidade de facer cousas. E ademais, no noso caso, o alcalde arrincounos un pouco. E non hai que esquecer que todos os concelleiros son representantes do pobo. Eu, de feito, só podía intervir por alusións. En democracia, esteas dun lado ou doutro, todos debemos ter a posibilidade de falar.
-¿Como afronta o inicio do mandato cun goberno en minoría?
- Pois traballando desde o domingo. Aínda non temos dedicacións exclusivas e moitos collimos vacacións no noso traballo, e neste tempo estamos marcando as prioridades. As áreas xa están repartidas. Hai que darlle un cambio a Ordes canto antes. Hai que ver o que se fai co Plan Xeral e promover unha gran área industrial. Se hai traballo para que a nosa xente non se teña que marchar de Ordes, haberá riqueza para todos.
-Ordes, como cabeceira de comarca, mantén poboación pero non medra. ¿Pódese facer algo desde un goberno local?
-Ordes viviu un parón polo retraso do Plan Xeral e tampouco se lle deron moitas facilidades ás empresas para instalarse no municipio. Agora desde o Concello temos o reto derecuperar o tempo perdido, nos vindeiros catro anos.
Tirado de: La Voz de Galicia




